Spam 91

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

Imagen de archivo de una mujer joven sosteniendo un teléfono móvil
Imagen de archivo de una mujer joven sosteniendo un teléfono móvil UNSPLASH / CC / YURA FRESH | EUROPAPRESS

06 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como estes días estou de inauguración de exposición, falo moito nos medios de comunicación. Sorprendeume moito o aviso que me deu o outro día unha xornalista da radio: «Ímoste chamar dentro dun pouco desde un número que comeza con 91», explicoume.

Intuín que detrás da advertencia podería haber unha gran resposta, así que me fixen un Jesús Quintero e quedei calado á espera de que a interlocutora sentira a necesidade de darme unha explicación. «É para que non penses que te están a chamar dunha compañía de enerxía», acabou aclarando, e rímonos os dous.

Resultoume moi realista que asociemos as chamadas desde números fixos con prefixo de Madrid cos comerciais das eléctricas, ou con pesados en xeral que non deixan de dar a turra con algunha cousa que che importa un pemento.

En fin, que as chamadas dun fixo madrileño sexan ou dun ministerio ou algunha ensarillada monumental, ou as dúas cousas xuntas. Pero é que a vida está chea de metáforas. Antes contestaba de boas maneiras, tentando conducir cara unha despedida amigable, pero os benditos aproveitaban a cortesía para buscar fisuras nas que introducir unha promoción.

E aínda insistían o día seguinte. Por sorte descubrín que se lles contestas en galego, ou aludes ao custe ambiental e patrimonial dos novos polígonos eólicos, xa colgan directamente eles sen despedirse e non se volve saber de tal empresa nunca máis. Os operadores deben ter algún check na aplicación que nos dá por clientes perdidos para sempre. Aínda prestaba ver como nos define ás nosas costas ese programiña de teleoperador.