Como poden...

Bieito Romero
Bieito Romero O SON DO AR

CULTURA

Afonso X o Sabio ditando o «Libro de los Juegos», cuxo único orixinal coñecido se conserva na biblioteca do mosteiro de El Escorial
Afonso X o Sabio ditando o «Libro de los Juegos», cuxo único orixinal coñecido se conserva na biblioteca do mosteiro de El Escorial

16 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como poden per sas culpas ou Cantiga de Santa María número 166 é unha das máis de 400 cantigas que se escribiron na corte do rei Afonso X o Sabio, rei de Castela dende 1252 a 1284. Naquel tempo o galego era un dos idioma cultos nos ambientes cortesáns. Un idioma que o rei aprendeu por terras de Allariz e Maceda onde pasou unha boa parte da súa infancia. Como xa o fixeran previamente os trobadores citanos, italianos ou cataláns, o monarca empregou o galego como idioma de prestixio e comunicación internacional. As Cantigas de Santa María, feitas en honor da virxe, contan os milagres sucedidos coa súa intervención divina. Están presentadas dun xeito que poderiamos denominar como multimedia xa que son o poema, a partitura musical e a imaxe de cada unha delas. En definitiva, unha obra do século XII escrita en galego, de carácter claramente universal e que prestixia a nosa lingua por todo o mundo. Versionada nas súas diferentes vertentes pero principalmente dende a musical incluso forma parte da banda sonora dunha superprodución cinematográfica como é Conan o bárbaro, onde precisamente Como poden per sas culpas sona nun momento destacado.

Así pois, quixemos seguir facendo historia grazas á historia xa feita e no 2002 con Luar Na Lubre gravamos esta cantiga. Fixemos unha adaptación á nosa instrumentación e cos nosos arranxos introducimos tamén a sensacional colaboración da Orquestra Sinfónica de Bratislava. Para nós o resultado foi o que soñabamos e esa cantiga estivo no noso repertorio durante anos. Co paso do tempo fomos deixando de tocala nos directos, pero non por iso deixou de ser unha peza destacada do noso traballo.

E foi no 2022 cando recibimos unha chamada de Ezequiel Mosquera solicitándonos a posibilidade do seu emprego como banda sonora da Volta Ciclista a Galicia. Grandísimo honor e idea moi atinada para nós. Ben seguro que tanto o rei Afonso X o Sabio como toda a súa corte de colaboradores, non poderían chegar a imaxinar todo o que sucedería na posteridade coa súa obra, pero abofé que deixaron un gran legado que debemos recoñecer permanentemente dende moi diferentes ámbitos. Neste caso, o do ciclismo.