Presente e futuro da ilustración

David Pintor
DAvid Pintor REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

David Pintor

A profesión celebra este martes o Día da Ilustración en Galicia con moitos asuntos pendentes

30 ene 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Este martes é o Día da Ilustración 2024 en Galicia. Decidiuse hai xa dez anos que sería o 30 de xaneiro coincidindo coa data de nacemento de Castelao, considerado o pai da ilustración e da caricatura en Galicia.

Ademais de actividades e homenaxes, coido que este día debería ser unha oportunidade para visibilizar os problemas e as carencias que ten a nosa profesión. Aproveitar este momento do ano no que os medios de comunicación dedican algo máis de espazo ao noso traballo para poñer sobre a mesa o que nos preocupa.

Porque é preocupante, por exemplo, ver como no mundo editorial seguen a facerse contratos precarios e con cláusulas ilegais; é triste ver como os museos públicos galegos de arte contemporánea seguen a ignorar o traballo dos ilustradores, actuando como organismos enfocados en determinadas artes en prexuízo doutras, como son a ilustración, a caricatura ou o cómic, disciplinas fundamentais para entender a arte galega do último século; e é decepcionante ver como van en aumento os concursos especulativos, con condicións abusivas ou con xurados totalmente alleos ao mundo do debuxo. Ademais, deberiamos esixirlles ás Administracións públicas que traten a nosa profesión como o que é: un elemento fundamental para entender a cultura visual do noso país.

Por se todo isto fose pouco, asistimos á aparición dos sistemas de intelixencia artificial xenerativa que estiveron usando de xeito ilegal millóns de imaxes sen consentimento. Unha práctica que está nestes momentos sendo denunciada en diferentes ámbitos internacionais. É imprescindible que se cree un marco lexislativo a nivel mundial para protexer a obra de todos os profesionais da ilustración. E é importante que se faga rápido, pois este tipo de novas tecnoloxías están a aplicarse baixo o lema de «dispara primeiro e pregunta despois», e a lentitude coa que se reaccione pode facer que esteamos perseguindo sombras e que a lexislación que fagamos agora para unha tecnoloxía de hai un ano non valla para a tecnoloxía que apareza mañá. Por iso é fundamental poñer xa as bases para blindar a propiedade intelectual dos ilustradores e esixirlles unha maior transparencia ás empresas que investigan este tipo de tecnoloxías.

É complicado adiviñar como vai ser o futuro no eido das artes visuais. Desaparecerá a profesión de ilustrador e aparecerá outra que se dedicará a tutelar a creación de imaxes por parte duns programas informáticos? Acabaremos os ilustradores por traballar directamente para a IA alimentando os seus bancos de imaxes, tal e como prognostica o gurú tecnolóxico Jaron Lanier? Imos cara a un mundo onde as imaxes que nos rodeen serán creadas artificialmente por máquinas ou acabarán sendo estas máquinas simplemente novas ferramentas de igual xeito que o foron o ordenador, os rotuladores ou o lapis?

Traballo como debuxante dende hai 30 anos e aprendo todos os días do traballo de pintores e ilustradores que, dende hai miles de anos, sentiron a necesidade de expresarse a través do debuxo. Dende o xabaril pintado nas covas de Leang Tedongnge en Indonesia hai 45.000 anos ata os actuais debuxos feitos en iPad polo pintor británico David Hockney. É posible que no futuro sexan as máquinas as que se encarguen de crear as imaxes que nos rodeen, pero agardo que nunca nos quiten a algúns humanos o pracer de crear novos mundos cun lapis nunha folla en branco.