A pandemia fronte á vida

Antón Gómez Reino DECOTÍO

OPINIÓN

Ana Garcia

18 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Comecei un illamento voluntario na tarde do xoves 12 de marzo. Aínda non había estado de alarma. Aínda non podíamos intuír o confinamento que despois chegou. Esa mesma tarde percibín molestias que, finalmente, expresaban o que naquel momento era tan descoñecido como inesperado: a presenza, nas nosas vidas e no meu organismo, do SARS-CoV2. O martes 17 comunicáronme definitivamente o positivo. Non puiden asistir ao nacemento da miña filla, nacida o 5 de abril cando a pandemia medraba exponencialmente. Porén fun afortunado. Afortunado por ter boa saúde e non precisar dos coidados que tanta xente precisou.

Aproveitando o meu confinamento anticipado revisitei novelas e libros que nos falan de que as pandemias, aínda que na sociedade occidental nos pensaramos invencibles, estiveron sempre con nós. Ollei novamente A peste, de Camus; O medo, a marabillosa novela antimilitarista de Gabriel Chevallier, ou O húsar sobre o teito, a obra de Jean Giono que retrata unha tumultuosa Europa do século XIX atravesada de revoltas que buscaban máis igualdade e, ao tempo, golpeada por unha epidemia de cólera. «Non teño afección ao heroísmo, nin apenas á santidade. O que me interesa é ser home». A frase é de Camus, pero ben podería ser de cada un dos homes e mulleres da nosa sanidade pública aos que lles recoñecemos como heroínas e heroes cotiás dunha sanidade, a galega, demasiado maltratada por anos de privatizacións.

Dicía Cesare Pavese, o escritor piamontés, que moitas veces se atopaba «entre o desexo de soidade e a necesidade dos demais». Se algo conseguiu xa esta pandemia é a virtude, tan necesaria en tempos de individualismo, de lembrarnos a «necesidade das demais», de recordarnos a todas o inmenso valor da comunidade. Por que ante unha pandemia é tan egoísta como estúpido ese «sálvese quien pueda», tan de doutrina neoliberal.

Nos tempos dunha pandemia que nos situou sobre a eterna pero sorprendentemente inédita fraxilidade humana todas nos reatopamos cos desexos simples. Volver a estar coa xente querida, volver a pasear, a disfrutar do aire libre. Vontades de (sobre)vivir. Fun afortunado naqueles días de marzo. Toca traballar para que con sanidade pública, dereito a vivenda, traballo digno, e iso quere dicir con administración fortes e unha firme defensa do público poidan sentirse se non afortunadas, si seguras, o conxunto das cidadás.