Cabos de cobre

OPINIÓN

Alvite

04 ago 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai moito, Telefónica anunciaba que toda a súa rede de comunicación por medio confinado (ou sexa, non por radio) pasara a ser de fibra óptica. Tamén recentemente se falaba en medios técnicos da creación e funcionamento dunha empresa de recuperación de cabos submarinos fóra de uso. Nela, seica, hai intereses dun empresario certeiro: Amancio Ortega.

Na historia das telecomunicacións o cobre foi un metal chave, por ductilidade, condutividade e pola abundancia de minerais dos que se extrae (o ouro ficou para circuítos pequenos de altísima condutividade). Tradicionalmente, os cabos condutores das correntes fracas das telecomunicacións eran de pares de fíos ou de tipo coaxial, con «alma» e «malla». En todos os casos, desde que o plástico existe, os compoñentes de cobre viñan illados con el, o conxunto envolto neste material e aínda protexido por malla de aceiro. No mundo hai millóns de millóns de quilómetros de cabos de cobre desconectados que non se recollen polo custo de facelo (abonda con ollar os que afean as fachadas nas cidades) e é chegado o momento de interviren os gobernos: cobre, plástico e aceiro son reciclables. Ou se obriga por lei as empresas de TIC a liberar de cabos vellos fachadas, tendidos e canalizacións, ou as administracións se encargan de realizar ese labor ecolóxico.