Obradoiro do si e do non

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

SANTIAGO CIUDAD

Denís E. F.

04 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai prazas maiores que responden a un proxecto unitario que harmoniza fachadas e cubertas. O Obradoiro, en cambio, é a consecuencia dun difícil acordo elaborado ao longo do tempo. Para min sempre foi obxecto de interese porque é un espazo pensado e creado, onde nada foi casual. É un símbolo do vello Occidente e así o recoñeceu o Consello de Europa en 1985 cando, nun acto institucional e popular na mesma praza, lle entregou ao Concello de Santiago o Premio Europa polo seu compromiso europeo.

Ao tomar posesión da alcaldía, o primeiro decreto que asinei foi a retirada dos coches do Obradoiro, e sobre o pazo de Raxoi izáronse as catro bandeiras. Axiña viñeron as políticas de peonalización na cidade histórica, con grande esforzo e manifestacións en contra, mentres se fraguaba un proxecto empresarial para construír ao seu carón, nas Hortas, unha grande operación comercial e mil prazas de estacionamento, disparate que conseguimos impedir.

O Obradoiro acolle hoxe xentes de douscentos países, individuos e grupos que manifestan a alegría por chegaren á meta e o gozo estético do contorno patrimonial. As culturas diversas admiran, os católicos reafirman a súa fe e os arrelixiosos perciben a espiritualidade, os ciclistas desmontan, a cativada corrica entre as pernas dos adultos e os postos de medalliñas, os maiores descansan nas bancadas de pedra, políticos e estudantes transitan á présa e o trenciño kitsch ábrese paso mentres se toman milleiros de fotos e soan as campás.

É un espazo plenamente democrático, pero ten límites patrimoniais que implican responsabilidade e saber dicir que si e que non. Límites que non dependen tanto de ordenanzas, nin de estudos exhaustivos sobre os fluxos, como dunha reflexión en común do que acontece nesa praza, agora que hai outros recintos onde celebrar actos multitudinarios.

Hai decisións ben tomadas. Os fogos do Apóstolo non podían seguir estoupando con violencia, nin os visitantes da catedral continuar poñendo a man no parteluz de alabastro do Pórtico da Gloria; por certo, os piares de Raxoi, ademais da erosión debida ás mochilas dos peregrinos, están expostos aos ventos arremuiñados que provocan meteorización.

Non cabe parcelar o tránsito das persoas e as máquinas, porque se caería na simpleza de segregar as actividades en aras da mobilidade, ao custo de limitar a emoción e a libre expresión. A educación cidadá acádase co contacto entre todos nós, igual que acontece acotío cando camiñamos polas beirarrúas.